
Exposición “Pingas de humor crítico” de Xoán Andrade
- Posted by Administrador 2 AGRA
- On 5 Maio, 2023
- 0 Comments
- Agra no Ágora, Asociación Veciñal Agra, Centro sociocultural Ágora, Pingas de humor crítico, Xoán Andradera
O ilustrador Xoán Andrade presenta unha selección da súa obra na exposición “Pingas de humor crítico”, que planificou a modo de compilación, facendo unha escolma do labor que desenvolveu na súa traxectoria e tendo en conta algúns dos diversos ámbitos en que traballou: desde os cadriños de humor e as caricaturas, a ilustración de material educativo para o ensino en galego da lectoescritura e da educación afectiva sexual, os debuxos para traballos históricos ou etnográficos ou o deseño de logos e carteis.
A Asociación veciñal Agra, cunha axuda económica da Deputación da Coruña, reproduciu as copias dixitais escollidas polo autor: quer ilustracións realizadas con medios tradicionais, como a témpera ou a pluma estilográfica, quer pezas feitas con programas de deseño gráfico. En canto á temática, destaca a selección de cadriños de humor gráfico, de marcado carácter social, pois unha das finalidades do traballo de Andrade pasa por tratar de mellorar a sociedade ilustrando as contradicións que se dan nela cun humor crítico, que incita a pensar, aínda que tamén poida suscitar un sorriso.

Xoán Andrade (Betanzos, 1959) conxuga dúas paixóns: a educación e a expresión gráfica. Froito da confluencia das dúas é o seu traballo como ilustrador do método para a aprendizaxe da lectura e a escritura en galego Chirlo Merlo (Ir Indo Edicións) ou dos materiais Coeducación afectivo-emocional e sexual, Temas transversais e educación de actitudes–Proposta para unha intervención integral a propósito da prevención da infección polo VIH-Sida e De nais e pais a fillas e fillos-ante a infección polo VIH-Sida (Xunta de Galicia).
Publicou colaboracións de humor gráfico en medios diversos (A Nosa Terra, La Región, Revista Galega de Educación, Ómnibus, Que Quede Quen o Conte,…). Os seus últimos traballos aparecen en medios dixitais como O Imperdíbel, Eivados de Galiza, Enchufados e tamén no seu blog persoal: Pingas de humor crítico.
A mostra estará aberta entre 8 de maio e 3 de xuño no adro do Centro Ágora, como parte do programa anual “Agra no Ágora”, de colaboración entre o Concello da Coruña e a Asociación veciñal Agra.
Presentación inaugural: luns 8 de maio ás 19 h. Asisten:
- Xoán Andrade, autor das ilustracións,
- Xoán Costa, escritor e profesor
- Xurxo Couto, deputado de Cultura na Deputación da Coruña
A quen vai dirixida: público en xeral
Cando: 8 de maio – 3 de xuño
Onde: Auditorio do Centro Sociocultural Ágora. Lugar Agramela 17. 15010 A Coruña
Prezo: de balde
• Organizadora: Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán “Agra”Contacto: agra@galizacultura.gal
0 Comments