Exposición e visita guiada: O lixo na UDC – Modelo Nostián. Eu, Ti, Tod@s… Facemos futuro! Cada xesto conta

Exposición e visita guiada: O lixo na UDC – Modelo Nostián. Eu, Ti, Tod@s… Facemos futuro! Cada xesto conta

Exposición e visita guiada: O lixo na UDC – Modelo Nostián. Eu, Ti, Tod@s… Facemos futuro! Cada xesto conta

  • Posted by Administrador 2 AGRA
  • On 6 Marzo, 2024
  • 0 Comments
  • Agra no Ágora, Asociación Veciñal Agra, Centro sociocultural Ágora, Concello da Coruña, Manuel Soto Castiñeira, medio ambiente, Nóstián, Oficina de Medio Ambiente, reciclaxe, sustentabilidade, Tratamento do lixo, Universidade da Coruña

Exposición elaborada pola Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña e o Concello da Coruña. En 15 paneis, mostra o modelo de recollida de Nostián e os seus resultados actualizados no ano 2023. Trata cuestións coma os impactos da má xestión dos residuos, ou as vantaxes de separarmos ben en orixe e os beneficios da compostaxe.

O volume de lixo non fai máis que aumentar en todo o mundo. A relación entre a xeración de residuos e a renda é un claro indicador dun modelo de produción e consumo non sustentable. Cómprenos aplicar a fórmula máxica 3R = 1º Reducir, 2º Reutilizar, 3º Reciclar.

Varios paneis explican como desenvolver esta fórmula a nivel persoal e colectivo. A educación ambiental é unha ferramenta para mellorar o modelo de xestión do lixo. Proponse promover a compostaxe doméstica e comunitaria.

Un dos paneis lembra que en 10 de setembro de 1996 se derrubou o vertedoiro de Bens na Coruña, naquel momento o de maior tamaño de Galiza, só superado posteriormente polo macro-vertedoiro de SOGAMA na Areosa (Cerceda). Para ler máis sobre a catástrofe de Bens, abre o seguinte cartafol, publicado na revista Cerna no outono de 1996: Bens, a irresponsable xestión dun vertedoiro

O da Areosa é maior vertedoiro de Galiza de todos os tempos. SOGAMA reciclou o 3% dos residuos recibidos en 2015. Despois de 18 anos de “mellora  continuada”, o seu contedor amarelo apenas recuperou o 10% dos residuos de envases xerados. A este ritmo de mellora, levaríalle 120 anos acadar o obxectivo do 50% fixado para 2020.

Se SOGAMA non recicla, que fai cos residuos? Xa en 2016, SOGAMA acumulaba máis de 5 millóns de toneladas de residuos sen tratar no vertedoiro da Areosa, e nos vertedoiros do chamado Complexo Medioambiental de Cerceda acumula máis de 1 millón de toneladas de escouras e outros residuos inertes, e máis de 500.000 t de cinzas tóxicas. Unha situación insostible … Segue lendo na seguinte ligazón: SOGAMA: o modelo máis caro, os peores resultados

A catástrofe de Bens A Coruña motivou a construción do centro de tratamento de residuos en Nostián, que converteu A Coruña en pioneira na separación da materia orgánica. Moitas cidades e rexións comezan a facer agora o que nós levamos practicando dúas décadas.

Pero a separación de residuos temos que facela máis e mellor. Ningunha peza debe fallar. A recollida separada de residuos é fundamental para garantir ecosistemas sustentables e evitar ecosistemas contaminados. Na Coruña usamos o chamado “modelo mixto húmido-seco”. Se os residuos van todos xuntos, o único destino posible é o vertedoiro ou a incineración. Iso implica perder recursos aproveitables. E tamén supón contaminar o solo, a atmosfera e a auga.

As malas prácticas multiplican os custos. Non separar na orixe e reciclar menos implica pagar máis impostos e multas pola contaminación. Tamén perdemos os ingresos polos materiais recuperados, a devolución do que xa pagamos polo punto verde. E os empregos! Así, para o conxunto da sociedade e para o ben común, a reciclaxe é máis barata e máis sustentable tamén desde o punto de vista económico e social.

A participación de todos e todas nós é imprescindible. Se non conseguimos separar ben a fracción orgánica e entregala limpa no contedor que corresponde, todo vai fallar, pois os residuos orgánicos manchan os outros materiais e imposibilitan a súa reciclaxe.

Manuel Soto fará unha visita guiada en martes 12 de marzo, ás 19:30 h. Manuel é catedrático e investigador sobre a depuración de augas residuais urbanas e industriais, xestión e aproveitamento de residuos orgánicos, economía circular, pegada ecolóxica e educación para a sustentabilidade.

DESCARGA EXPOSICIÓN COMPLETA (15 paneis)

Este evento, como todas as actividades de “Agra no Ágora” son de acceso libre e gratuíto; o programa está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra.

Cando: exposición do 11 ao 30 de marzo de 2024; visita guiada (45 minutos): 12 de marzo ás 19:30 h.

A quen vai dirixido: público en xeral

Onde: Adro do Centro Sociocultural Ágora. Lugar Agramela 17. 15010 A Coruña

Prezo: de balde

Organizadora: Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán “Agra”

Contacto: agra@galizacultura.gal

 

0 Comments

Leave Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *