Exposición “ADEGA 50 anos coidando a terra”

Exposición “ADEGA 50 anos coidando a terra”

Exposición “ADEGA 50 anos coidando a terra”

  • Posted by Administrador 2 AGRA
  • On 30 Outubro, 2026
  • 0 Comments
  • Agra no Ágora, Asociación Veciñal Agra, Centro sociocultural Ágora, Concello da Coruña, Deputación da Coruña, medio ambiente, Memoria democrática

50 anos coidando a Terra. Exposición coa que a ADEGA percorre cinco décadas de ecoloxismo galego e das loitas ambientais nas que participou ao longo deste tempo.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) leva máis de medio século de traxectoria na defensa do medio ambiente galego, procurando concienciar sobre a importancia de coidar o noso contorno e loitar contra as agresións ambientais.

A mostra fai un percorrido polas principais loitas ambientais nas que participou a organización desde a súa creación en 1974 e a súa legalización en 1976, os principais fitos do movemento ecoloxista do país en eidos tan diversos coma a enerxía, ríos, residuos, montes ou minaría. Memoria, recoñecemento, reflexión e inspiración son os seus principais obxectivos.

A exposición “50 anos coidando a terra” foi realizada grazas ao apoio da Deputación provincial da Coruña e á colaboración de socias e simpatizantes que axudaron a configurar os textos e a dotar a mostra de imaxes.

Os paneis abarcan desde as orixes de ADEGA ata a importancia de organizarse en defensa do planeta, destacando o valor do voluntariado activo e a educación ambiental. Trátanse as problemáticas comúns en Galicia, como os incendios forestais, as verteduras radioactivas no Atlántico (unha das loitas ecoloxistas galegas que maior repercusión tivo dentro e fóra das nosas fronteiras), a ameaza das celulosas e os eólicos, e as catástrofes mariñas como as do Casón e o Prestige.

Esta exposición fai parte dun programa máis amplo de actividades impulsadas co gallo do 50 aniversario de ADEGA, que inclúe o documental “A terra por gañar. Unha historia do ecoloxismo galego” e a publicación dun libro sobre os 50 anos de ADEGA.

Cómpre valorarmos a traxectoria desta organización, mais sobre todo daqueles fitos e loitas ecoloxistas que marcaron o devir presente e futuro do noso pobo e da nosa terra, así como favorecer o coñecemento e o activismo ambientalista entre as xeracións máis novas.

ADEGA xorde a mediados da década de 1970 como resposta á problemática ambiental do momento, aínda no contexto da ditadura franquista no Estado español e de dependencia da nosa terra a respecto do Estado. E tamén nun contexto internacional de preocupación incipiente polas problemáticas ambientais: o esgotamento dos recursos, a explotación de especies xa en perigo, as intervencións nos ecosistemas e, nomeadamente, a contaminación química e os riscos da enerxía nuclear. Sempre en colaboración con outros sectores sociais e con outras organizacións, ADEGA contribuíu a gañar moitas das loitas que a sociedade galega librou. Loitas que evitaron numerosos proxectos de novas celulosas, unha central nuclear, a continuación dos vertidos radioactivos na Foxa Atlántica, concentracións parcelarias altamente destrutivas, un feixe de grandes encoros, máis dun cento de minicentrais nos ríos, varias incineradoras de residuos, proxectos de megaminaría, megaproxectos acuícolas na Rede Natura, numerosos parques eólicos de alto impacto ambiental… Unha loita que tamén impulsou actuacións en positivo: de reciclaxe, compostaxe doméstica e comunitaria, limpezas simultáneas de praias e ríos, de lexislación popular para o Parlamento galego e unha contribución singular e pioneira á sensibilización ambiental da cidadanía.

Salientan loitas como a paralización de proxectos como os encoros do Sela ou do Navia ou a central nuclear de Xove, así como mobilizacións emblemáticas como Baldaio, As Encrobas, a defensa da Fraga de Menáncaro e a lagoa de Valdoviño, a reivindicación do saneamento integral da ría de Ferrol e a súa histórica defensa fronte á localización de Reganosa -no marco do Comité de Emerxencia da Ría de Ferrol-, e o traballo en favor dunha mobilidade sostible na cidade, coa mellora de servizos e prezos asumibles, as loitas contra os vertidos asfálticos ou contra a cementeira de Narón, as diversas iniciativas de divulgación, educación ambiental, voluntariado, as limpezas de ríos/praias ou actividades de compostaxe mantidas en diversos proxectos (CERNA – Revista Cerna, Radio Cerna, Cerna TV e o Dosier ambiental-, A Eira da Xoana, Proxecto Ríos etc.)

Como todas as actividades do programa “Agra no Ágora”, esta exposición é de acceso libre e gratuíto; “Agra no Ágora”, está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra.

A quen vai dirixido: para público en xeral

Inauguración: o luns 2 de novembro ás 19 h

Exposición: do 2 ao 14 de novembro no vestíbulo do Centro Sociocultural Ágora. Lugar Agramela 17. 15010 A Coruña

Prezo: de balde

Organizadora: Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán “Agra”

Contacto: agra@galizacultura.gal

 

0 Comments

Leave Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *