Estampas galegas de Xiao Berlai
- Posted by Administrador 2 AGRA
- On 15 Xullo, 2023
- 0 Comments
- Asociación Veciñal Agra, Berlai, Gosto de vivir a poesía
Concerto acústico de Xiao Berlai con quen conversaremos sobre o seu último traballo: o libro-disco Estampas galegas, o terceiro asinado por este exintegrante e compositor de Fía na Roca tras Desconhecido e Cas Berlai.
Neste libro-disco mestura música, contos e ilustracións que falan da Galicia actual a través de dez cancións e outras tantas estampas baseadas en experiencias vitais ou reflexións do músico. A música e os contos foron compostos por Berlai e as ilustracións son do artista Leandro Lamas. O diálogo entre as tres artes que habitan as Estampas Galegas, convida a xogar entre si e gozar da súa conexión sen orde xerárquica. Podemos comezar pola música ou a ilustración e rematar coa historia, ou viceversa, deixando a elección en mans de quen le, mira e escoita.
As historias de Berlai retratan un contexto no que o autor se ve a sí mesmo e observa o que o arrodea. Unha tenda de roupa chamada “home” que nin sequera vende pantalóns curtos; a experiencia de ser pai e vivir a imposición de xénero da sociedade ao fillo que acaba de nacer; a progresiva castelanización do galego; o orgullo de ter un país con dous nomes; a reivindicación do acento galego nas producións audiovisuais a través da figura de Arale; e mesmo a fantasía dunha Rosalía liderando o pobo na revolución galega son algunas destas historias narradas a través deste traballo.
0 Comments