Eira da Xoana: un proxecto cultural e medioambiental no corazón do país
- Posted by Administrador 2 AGRA
- On 16 Setembro, 2025
- 0 Comments
- ADEGA, Agra no Ágora, Asociación Veciñal Agra, Centro sociocultural Ágora, Concello da Coruña, cultura, ecoloxía, medioambiente
Eira da Xoana é un proxecto, hoxe en forma de Fundación, que nace de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) para levar á practica, nunha pequena instalación en pleno centro de Galiza, o que viña defendendo desde as súa constitución. E así, a partir dunhas ruínas e coa axuda da Administración, levanta no 2007 unha pequena vivenda rural que vai servir de base para realizar actividades ao longo de todo o ano, sempre co obxectivo de defensa do medio ambiente e da cultura galega. Algunhas teñen carácter periódico: celebración de solsticios, entroido ou defuntos, elaboración de sidra, día anual da Memoria democrática, actividade mensual de canto, baile e pandeireta…; outras responden a intereses ou necesidades puntuais: charlas formativas, rutas, eliminación de plantas invasoras, plantación de especies autóctonas… e até a adquisición de terreos de valor arqueolóxico. De fondo, sempre a idea de contribuír a un rural vivo e activo, a través do desenvolvemento de actividades variadas e a colaboración con outras asociacións do país.
Para falarnos da Fundación Eira vén o seu presidente, Xosé Salvadores Cobas, enxeñeiro técnico agrícola, foi profesor de debuxo, presidente de Lumieira nos anos 80. Tamén milita no movemento ecoloxista galego a través de Adega e integrou a xestora de Nunca Máis. En 2025 publicou o caderno A fraga dos teixos (Tempo Galiza editora).
Todas as actividades do programa “Agra no Ágora” son de acceso libre e gratuíto; o programa está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra.
A quen vai dirixido: público xeral
Cando: 18 de setembro de 2025 ás 19:30 h
Onde: Aula 9 do Centro Sociocultural Ágora. Lugar Agramela 17. 15010 A Coruña
Prezo: de balde. Non se precisa reserva previa nin retirar billete de entrada.

0 Comments