Contos de medo… con voz de primavera
- Posted by Administrador 2 AGRA
- On 6 Abril, 2026
- 0 Comments
- Agra no Ágora, Asociación Veciñal Agra, Centro sociocultural Ágora, Concello da Coruña, IES Agra do Orzán, teatro
Na nova edición do Festival Con voz de primavera no auditorio do Centro Ágora o xoves 16 de abril a partir das 18 h voltamos presumir do alumnado do IES Agra, que nos fará un percorrido pola evolución dos contacontos en Galicia e compartirá o escenario cunha das nosas grandes narradoras: Paula Carballeira, que vén contarnos “Historias de arrepío”, ou sexa, os chamados “contos de medo”.
Paula Carballeira é narradora oral profesional desde 1994, actriz, directora e escritora. Ten unha ampla produción literaria en narrativa e teatro, aínda que tamén escribe poesía e ensaio. Moitos dos seus libros foron premiados e traducidos a diferentes idiomas. Como dramaturga recibiu o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil nos anos 2006, 2011 e 2018, o premio Frei Martín Sarmiento no ano 2016, o premio Isaac Díaz Pardo e inclusión na Lista Internacional White Ravens no ano 2007; o premio Lecturas nos anos 2001 e 2002. En 2023 recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática do Ministerio de Cultura e Deporte, pola obra As alumnas. Como actriz, é membro da compañía teatral Berrobambán desde 1996 e participou en varias series e programas da Televisión de Galicia.
Paula vén contarnos as súas Historias de arrepío, ou sexa, os chamados “contos de medo”.
O medo é unha das poucas cousas que non buscas. O medo sabe como atoparte. Os chamados “contos de medo” só perseguen o arrepío do momento, unha lixeira inquedanza, unha sensación de vento frío que che aloumiña o pescozo. Candeas, aparecidos, ánimas en pena, agoiros, avisos…
Ben se pode dicir que o arrepío forma parte do outono e do inverno, e de alí proceden a maioría das historias, das longas e escuras noites coa néboa ás portas. Contos que foron tecendo narradoras e narradores anónimos, ás veces recollidos por escrito, a maioría transmitidos oralmente para lembrarnos que a morte está á espreita, e que por iso hai que sentir con intensidade, tremer e rir cando o medo nolo permita, para esquecer por un momento o que agochan as tebras.
Este festival, como todas as actividades do programa “Agra no Ágora” son de acceso libre e gratuíto; o programa está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra.

0 Comments