Concerto do grupo Sangre de Muérdago
- Posted by Administrador 2 AGRA
- On 25 Novembro, 2024
- 0 Comments
- Agra no Ágora, Asociación Veciñal Agra, Centro sociocultural Ágora, Concello da Coruña
Unha nova edición do festival “POR AMOR Á PALABRA SOLIDARIEDADE” do programa Agra no Ágora ofrécenos un concerto de Sangre de Muérdago, unha banda galega de neofolque de Leipzig (Alemaña) liderada polo ourensán Pablo Caamiña Ursusson, que dende 2007 leva a cabo un dos proxectos máis únicos e fondos do panorama musical internacional. A súa música lévanos ata o máis fondo de nós mesmas, coma unha nai que nos amosa o mundo de novo.
As súas letras en galego tratan temas relacionados coa natureza con elementos místicos e inspíranse na tradición galega. A súa música inclúe instrumentos tradicionais como a zanfona e a nyckelharpa. Musicalizaron poemas de escritores galegos como Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro e Manuel María.
O actual cuarteto componse de Pablo Caamiña, Georg Börner, Xoel López e Saúl Nogareda, cun abano instrumental que inclúe guitarra clásica, zanfona, violoncello, clarinete, caixa de música, percusións tradicionais e harmonías vocais e a ˈnʏ̂kːɛlˌharːpa (un instrumento tradicional de corda de orixe sueca cuxa rede de difusión foi incluída pola UNESCO no Rexistro de boas prácticas de salvagarda do ano 2023; este instrumento recorda moito á zanfona: coa man esquerda tócanse as chaves do bastidor, mentres a dereita úsase co arco para fretar as cordas).
Con numerosas xiras por Europa, norteamérica ou Asia oriental e máis de quince traballos editados nos últimos trece anos, Sangre de Muérdago consolídanse como a rara avis da escena musical galega. Acaban de publicar unha nova sesión en directo rexistrada no Mosteiro de Monfero ( https://youtu.be/JaaJd5kGjRU?si=NxwRpKXq9Tqv_9sC ).
Este festival, como todas as actividades do programa “Agra no Ágora” son de acceso libre e gratuíto; o programa está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra
A quen vai dirixido: para público en xeral
Cando: 19/12/2024
Horario: 20:15 h
Duración: 75 minutos
Enderezo: Auditorio do Centro Sociocultural Ágora. Lugar Agramela 17. 15010 A Coruña
Prezo: de balde
Organizadora: Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán “Agra”
Contacto: agra@galizacultura.gal
0 Comments