Concerto de Pedro Mestre 4uatro Ao Sul
- Posted by Administrador 2 AGRA
- On 9 Novembro, 2025
- 0 Comments
- Agra no Ágora, Asociación Veciñal Agra, Centro sociocultural Ágora, Concello da Coruña, Música tradicional
O sábado 15 de novembro ás 19:30 h terá lugar no auditorio do Centro Ágora o concerto de Pedro Mestre 4uatro Ao Sul, no Festival intercultural A Voz de Portugal. Como todas as actividades do programa “Agra no Ágora” este festival é de acceso libre, de balde e non se precisa reserva previa); o programa está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra.
Este proxecto xorde da paixón polo “cante alentejano” e da vontade de recrear, sen prexuízos, novas modas cunha beleza que transcende ao repertorio habitual dos coros alentexanos. Por iso os 4uatro Ao Sul procuran músicas doutros pobos do sur de Europa, maiormente as de temática relixiosa de tempos pasados, e que nos fan encontrar raíces comúns nos puntos máis inesperados.
O grupo está formado por cinco músicos e cantores con diversas experiencias musicais: José Barros, Rui Vaz, José Manuel David, Pedro Calado e Pedro Mestre.
Co seu primeiro disco presentaban temas á capela, tradicionais do sur de Europa, especialmente do cancioneiro alentexano e outros acompañados coa Viola Campaniça. “Demudado em Tudo” (2011) é o nome dese seu primeiro traballo co que recibiron o prestixioso premio “José Afonso”. No ano 2024, lanzaron o seu último disco “Outros Cantes” onde o grupo continúa co seu propósito de non deixar caer no esquecemento modas que se afastaron do repertorio dos grupos de Cante e difundir os puntos de contacto que o Cante ten coas polifonías da bacía do Mediterráneo, en particular da illa de Córsega.

0 Comments