Concerto das Sopa de Pedra
- Posted by Administrador 2 AGRA
- On 15 Xullo, 2024
- 0 Comments
- Agra no Ágora, Asociación Veciñal Agra, Centro sociocultural Ágora, Concello da Coruña, Música popular portuguesa, Música tradicional, Sopa de Pedra
O festival “Pétalos de Igualdade. Flor de Vida” ofrece nesta edición un concerto das Sopa de Pedra, dez mulleres (Teresa e Inês Campos, Rita Costa, Inês Loubet, Maria e Benedita Vasquez, Inês Melo, Sara Yasmine, Rita Sá e Mariana Gil) que forman un grupo de investigación musical que canta esencialmente a capella.
Por medio de arranxos polifónicos de música tradicional portuguesa, exploran a riqueza do legado tradicional achegándoo ao contexto da música do mundo actual. Tal como no conto popular que lles dá nome, Sopa de Pedra preséntase en diferentes formatos, a creación musical comeza cunha base simple (unha pedra, unha tradición, un cantar) que ao longo do tempo vai madurando no seo do grupo. Co tempo, a melodía vaise desdobrando en varias voces, gañando varias facetas, até que se conxuga nunha harmonía viva, que se reinventa cada vez que se canta, ou que se xunta un amigo.
O repertorio inclúe música de transmisión oral, desde cantos mirandeses de Trás-os-Montes, baladas açorianas, cantigas de adufeiras da Beira Baixa, o canto alentejano ou repertorio de Zeca Afonso, Amelia Muge, José Mário Branco, João Loio, Almanaque e GAC.
Este concerto, como todas as actividades de “Agra no Ágora” son de acceso libre e gratuíto; o programa está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra.
A quen vai dirixido: público xeral
Cando: sábado 27/07/2024 ás 19:30 h.
Onde: Auditorio do Centro Sociocultural Ágora. Lugar Agramela 17. 15010 A Coruña
Prezo: de balde. Non se precisa reserva previa nin retirar billete de entrada.
• Organizadora: Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán “Agra”
Contacto: agra@galizacultura.gal
0 Comments