Concerto das Malvela: O Benquerer
- Posted by Administrador 2 AGRA
- On 4 Xuño, 2024
- 0 Comments
- Agra no Ágora, Asociación Veciñal Agra, Centro sociocultural Ágora, Concello da Coruña, Malvela, Música tradicional
O grupo de cantareiras de Mos amadrinado por Uxía Senlle gravou o seu quinto álbum “O Benquerer” no Centro Recreativo e Cultural de Torroso. É un canto de amor á súa terra, o Val da Louriña, orgullosas de seren de onde son, da súa orixe rural e de predicalo ao mundo.
Veñen con ilusión renovada e moitas ganas de que gocemos coa nosa música. Traen nas mans novas composicións, coplas populares e pezas tradicionais adaptadas á nosa realidade cotiá.
“Regresamos con moito ánimo para encher os campos das festas, auditorios e teatros coa nosa alegría e enerxía de sempre.
Muiñeiras, malhao, rumba, xotas e pasodobres para non deixar que o corpo pare e unhas letras onde reivindicamos ser mulleres e voces libres, dunha idade que xa nos permite ser quen somos, sen medias tintas, e cantar na lingua que é nosa, aturuxar, bailar e contar a nosa vida a través das cancións que nos retratan e nos representan.
Somos dunha tribo que resiste e insiste na felicidade e no benquerer. Homenaxeamos as nosas nais, a “estrela” Rosalía, o amor libre, o feminismo, o humor e a emoción, sempre tan presentes nas coplas de Malvela. Incorporamos novos músicos ao grupo, que lle aportan a súa experiencia e bo facer. Rescatamos pezas tradicionais, mais este disco é maioritariamente autoral, de xente do noso entorno.”
Música con enerxía para que os cantos tradicionais, eses que elas aprenderon de corrido á vez que nenas, sigan facendo festa, a ser patrimonio vivo de todos e todas, a engaiolarnos coa súa beleza e o seu ritmo. Malvela son un grupo moi popular en Galicia, queridísimas e con gran prestixio entre os programadores de música de raíz.
Este concerto, como todas as actividades de “Agra no Ágora” son de acceso libre e gratuíto; o programa está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra.
A quen vai dirixido: público xeral
Cando: domingo 30/06/2024 ás 19:30 h.
Onde: Auditorio do Centro Sociocultural Ágora. Lugar Agramela 17. 15010 A Coruña
Prezo: de balde. Non se precisa reserva previa nin retirar billete de entrada.
• Organizadora: Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán “Agra”Contacto: agra@galizacultura.gal
0 Comments