Cantares dos maios
- Posted by Administrador 2 AGRA
- On 18 Abril, 2024
- 0 Comments
- A Trabe d'Ouro, Agra no Ágora, Asociación Veciñal Agra, CEIP María Barbeito, CEIP Raquel Camacho, Centro sociocultural Ágora, cultura popular, IES Agra do Orzán, os maios, primavera
Dous concertos didácticos sobre a festa dos Maios para achegar a música tradicional e a nosa cultura ás novas xeracións, dun xeito activo e participativo.
A festividade dos Maios é das máis populares de Galiza. Ao longo do espectáculo interprétanse cantigas propias desa celebración, fálase das súas características e de quen as interpretaban…, empregando instrumentos propios da tradición galega e falando da historia de cada un deles.
Empréganse instrumentos procedentes da tradición galega, como o acordeón diatónico, a pandeireta, a requinta…, logrando así achegar tamén as sonoridades das nosas músicas á maior cantidade de xente posible.
A Trabe d’Ouro é un proxecto didáctico que procura achegar ao público cancións coñecidas a través dos diferentes cancioneiros tradicionais galegos e que aproveita cantigas recollidas en arquivos sonoros, para reinterpretalas e poder achegalas a un público variado. O seu principal obxectivo é continuar poñendo en valor a nosa música tradicional, sendo como aquela mítica trabe de ouro, que procura protexer o tesouro que é a cultura galega mediante a música.
Sandra, Migui e Bieito achegarán a gran variedade de cantigas que existen dentro desta celebración, facendo que crianzas e maiores, toda a familia, coñeza a gran riqueza musical que nace da celebración do renacer da natureza: da chegada da primavera.
Comezarán cun pequeno percorrido polas teorías sobre o motivo polo que xorde esta celebración, acompañándoa de músicas recollidas en cancioneiros como Heiche de cantar un conto de Manolo Rico e Antón Santamarina. Tamén falarán das diferentes celebracións dos Maios: pedir as maiolas, facer os maios, os concursos… recollendo cantigas de arquivos sonoros como o de Alan Lomax ou de cantigas atopadas no Cancioneiro Popular Galego Vol.1.
Todas as actividades de “Agra no Ágora” son de acceso libre e gratuíto; o programa está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra.
Elenco:
- Sandra Novais Meireles: voz e pandeireta
- Migui Ocampo: bodhran, percusións e MIDIS
- Bieito Romero Diéguez: acordeón diatónico
Duración: 60 minutos
A quen vai dirixido: o espectáculo é para todos os públicos, mais a función de 3 de maio ás 12:30 h no auditorio do Centro Ágora é para as comunidades escolares do CEIP Raquel Camacho e do CEIP María Barbeito, e a función de 14 de maio ás 13 h será para a comunidade escolar do IES Agra do Orzán no salón de actos dese instituto.
Cando e onde:
- venres 03/05/2024 ás 12:30 h no Auditorio do Centro Sociocultural Ágora. Lugar Agramela 17. 15010 A Coruña
- martes 14/05/2024 ás 13 h no Salón de actos do IES Agra do Orzán
Prezo: de balde
• Organizadora: Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán “Agra”Contacto: agra@galizacultura.gal
0 Comments