Camilo: o último guerrilleiro de Galicia

Camilo: o último guerrilleiro de Galicia

  • Posted by gzcultura
  • On 6 Decembro, 2020
  • 2 Comments
Cartaz do evento

En 2016 catro estudantes, Alba Sánchez Botana, Juan Sebastián Pirola Lorenzo, Pedro Iglesias Fernández e Miguel García Valdeón entrevistaron Camilo de Dios, realizaron o seu Traballo de Fin de Grao en Comunicación Audiovisual cun documental web producido dende a Universidade da Coruña: “Camilo: o último guerrilleiro de Galicia”.

A loita continúa: en 30 de marzo de 2020, en pleno confinamento, estes rapaces xa graduados, estrearon en liña este docweb: “Se quedamos na casa, que a memoria encha as rúas”.

A proxección de 10 de decembro no auditorio do Centro Ágora farase coa presenza de algunhas das persoas que realizaron e participaron no documental. Logo da proxección, Carlos Parrado moderará unha mesa redonda participada por Bernardo Máiz (historiador), Alba Sánchez (directora) e Miguel García (guionista).

O vindeiro 17 de decembro será o primeiro cabodano de Camilo. Cómprenos conmemoralo. Proxectaremos este webdoc, que xa cruza fronteiras, para homenaxear as persoas que arriscaron todo pola xustiza e a liberdade. Homes e mulleres que loitaron contra o fascismo botándose ao monte, ás toxeiras (ás matogueiras que no ecosistema mediterráneo se chama maquia, maquis, macchia…): Benigno Andrade Foucellas, Marita Gallego Abeledo, Ramón Rodríguez Varela Curuxás, as irmás Chelo e Antonia Rodríguez, Xosé Castro Veiga O Piloto, Enriqueta Otero, Carmen Fernández e o seu fillo Camilo…

Camilo de Dios naceu en Sandiás en 1933. Súa nai actuou de enlace na resistencia antifranquista. Camilo comezou esta actividade con 13 anos de idade. Fuxiu ao monte en 1948 e loitou contra o réxime na II Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia. En 1949 foi capturado e condenado a morte, mais por ser menor de idade conmutáronlle a súa pena por 30 anos de cadea. Despois de máis de 60 anos do asasinato do seu irmán, Perfecto de Dios, logrou exhumar en Ávila os seus restos para levalos a Sandiás.

Ficha técnica do documental:

Ano: 2016. Duración: 80 min. Produción: Alba Sánchez Botana. Guión: Miguel García Valdeón. Dirección de fotografía: Juan Pirola Lorenzo. Deseño web e gráfico: Pedro Iglesias Fernández

A quen vai dirixido:  público en xeral

Cando:  10/12/2020

Horario:  19.00 h

* Ás 18:30 h. abrirá a porta. Pídese presentarse no auditorio con antelación suficiente para que o persoal encargado asigne os asentos.

Duración:  90 minutos

Enderezo:  Auditorio do Centro Sociocultural Ágora. Lugar Agramela 17. 15010 A Coruña

Número de prazas: 88 + 3 para usuarias/os de cadeira de rodas.

Prezo: a entrada será de balde, mais agradeceremos a túa colaboración cunha achega para a caixa de alimentos que doaremos á Cociña Económica; a achega só poden ser un quilo ou un litro dos seguintes produtos: aceite de xirasol, garavanzos, lentellas, fabas, sal, café moído natural, azucre.

Requisitos:

Será de OBRIGADO cumprimento:

• O uso de máscara (excepto aquelas persoas exentas pola lexislación vixente).

• Lavar as mans con xel hidroalcohólico á entrada e á saída do edificio.

• O uso da butaca asignada polo persoal da sala. Non está permitido o desprazamento, salvo que o persoal da sala o autorice.

• Manter a distancia de seguridade, sobre todo á entrada e á saída para evitar aglomeracións.

• Respectar a sinalización.

• Seguir en todo momento as indicacións do persoal da sala.

RECOMÉNDASE:

• Limitar o máximo posible o uso dos aseos.

• Actuar con responsabilidade.

Organizadora:

Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán “Agra”

Contacto:

agra@galizacultura.gal

 2

2 Comments

María Luz Martinez Pedreira
A mocidade con vontade de pesquisar. Fortuna inmensa!
María Luz Martinez Pedreira
Avante con esa mocidade!

Leave Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *