
As vellas non deben de namorarse. Teatro Airiños na Coruña
- Posted by Administrador 2 AGRA
- On 19 Xaneiro, 2025
- 0 Comments
- Agra no Ágora, Asociación Veciñal Agra, Castelao, Centro sociocultural Ágora, Concello da Coruña, teatro
Airiños
En 1933, arredor do Centro Galeguista de Asados (Rianxo), nacía Airiños, a compañía teatral máis antiga de Galiza. Sobreviviu até hoxe, mantendo a que foi a súa máxima principal: representar as súas funcións en galego. Involucrou boa parte da parroquia durante catro xeracións, forxando así o seu carácter de teatro comunitario e amador.
O seu director dende os anos 40 foi Ramón Pimentel Castaño. Dende finais dos anos 90 pasou a ser axudado nas labores de dirección polo mestre Xesús Santos, o cal quedaría á fronte do grupo trala progresiva retirada do seu antecesor.
En 2008, coincidindo co 75 aniversario, recibiu un premio da Asociación Alexandre Bóveda da Coruña «pola súa defensa do idioma e a cultura galega durante máis de tres cuartos de século». Nese mesmo ano publicouse o libro Cadro Artístico Airiños: 75 anos, que recibiu os premios de edición Anuaria e Desing & Desing no 2009. Tamén no 2009 a compañía recibiu o premio do Sereno de Bronce de Barbantia na sección de iniciativa cultural no Barbanza.
Nos últimos anos a formación apostou por directoras con formación académica, adaptando Airiños aos novos tempos, sen esquecer nunca a súa identidade.
No ano 2010 a directora da compañía pasou a ser Esther F. Carrodeguas. No ano 2012 recibiu o premio Ángel Velasco Montoya da Asociación Amigos del Teatro de Valladolid. En novembro de 2012 recibiu o Premio Cultura Galega das Artes Escénicas polo traballo desenvolvido desde a súa creación. No 2013 inaugurouse a exposición 75 anos do Cadro Artístico Airiños, con pezas, vestiario e textos da historia da compañía. Nese mesmo ano recibiu o Pedrón de Ouro.
No 2018 a súa directora pasou a ser Amantia Coello. Nesta época interpretou as obras Unha Primavera para Aldara (2019), República Sideral (2022) e As vellas non deben namorarse (2023, adaptación da obra de Castelao). Ao longo de 2023 o grupo celebrou o seu 90 aniversario coa publicación dun libro de toda a súa historia, unha exposición e unha romaría, e foi galardoado pola compañía Teatro de Balugas (Balugães, Barcelos) co Prémio Palco de Terra.
As vellas non deben namorarse
Castelao escribe Os vellos non deben de namorarse durante a súa estadía en New York no 1939 “para regalía do pobo galego”. Unha obra dramática que conxuga a tradición galega coa vangarda europea. O grupo Airiños quixo revisar este clásico para observar que ocorre “se os vellos pasan a vellas e deixamos paso a outras identidades”. A encargada deste experimento foi Amantia Coello, quen tamén dirixe e se encarga da escenografía.
As vellas non deben namorarse é unha farsa en tres lances na que se conta a historia de tres vellas que se namoran e das dramáticas consecuencias que os amores serodios terán para elas. É unha adaptación do clásico de Castelao, na que se xoga a cambiar xénero, identidade e orientación sexual dos personaxes sen se afastar do texto orixinal.
A escenificación conta ademais con música orixinal e un vestiario que nos achega á actualidade, creando unha mostra interdisciplinar de humor e reflexión sobre as relacións humanas. A nova versión non só consiste en trocar o ‘o’ polo ‘a’, senón que leva a toda unha reflexión sobre o amor, a idade, a morte e os intereses económicos e sociais.
Adaptación e dirección: Amantia Coello
Elenco: Merchi Pimentel, Ramona Fernández, Raquel Lodeiros, Miguel Silva, Manu Morán, Noel Pérez, Noelia Fernández, Graciela Muñiz, Mari Santos, Lucía Casal, Fran Gómez, Álvaro García, Héctor Figueiro.
Escenografía: Nove Noel, Héctor Figueiro
Deseño do vestiario: Graciela Muñiz, Merchi Pimentel, Amantia Coello, Teatro Airiños
Espazo sonoro: Manuel Morán, Amantia Coello
Produción musical: Manuel Morán
Deseño Gráfico: Miguel Silva
Deseño da iluminación: Fran Gómez, Amantia Coello
Control de son e iluminación: Irene Fernández, Amantia Coello
Este festival, como todas as actividades do programa “Agra no Ágora” son de acceso libre e gratuíto; o programa está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra.
A quen vai dirixido: comedia para todas as idades
Cando: 15/02/2025
Horario: 19:30 h
Duración: 90 minutos
Enderezo: Auditorio do Centro Sociocultural Ágora. Lugar Agramela 17. 15010 A Coruña
Prezo: de balde e coa entrada libre ata encher a capacidade do auditorio, que abrirá as portas quince minutos antes da función
Organizadora: Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán “Agra”
Contacto: agra@galizacultura.gal
0 Comments