
As que limpan
- Posted by Administrador 2 AGRA
- On 2 Xaneiro, 2024
- 0 Comments
- A Panadaría, Agra no Ágora, As que limpan, Asociación Veciñal Agra, teatro
As que limpan, a obra multipremiada da compañía teatral A Panadaría, é unha sátira utópica inspirada na loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por conseguiren uns dereitos laborais e sociais xustos.
A Panadaría abre o seu forno teatral en 2013 en Vigo. As súas fundadoras (Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman) amasan un teatro cheo de elementos escenográficos para rebordar humor crítico, música vocal e unha interpretación lúdica e habilidosa. A Panadaría recibiu ata quince premios autonómicos e estatais que recoñecen a calidade das súas montaxes e o seu activismo feminista.
A Panadaría amasa con moi poucos elementos pero un deles é, sempre, o feminismo. En “As que limpan” volve apostar por un equipo artístico-técnico conformado íntegramente por mulleres.
AS QUE LIMPAN (Coprodución co Centro Dramático Nacional)
Estamos diante dunha comedia ácida e esperanzadora que reivindica a loita organizada das limpadoras de hoteis e a necesidade de reimaxinar un modelo de turismo sostible e respectuoso co territorio e coa vida das persoas.
É posible revalorizar este traballo e desligalo do xénero? Existe un turismo sostible? Quen limpa a casa da limpadora? Sobre as táboas poderemos asistir á loita das camareiras de piso, mulleres traballadoras do sector turístico sometidas a explotación no campo laboral, ao abandono no ámbito sanitario e a diversas violencias por razón de xénero e clase social. As que limpan non fala só de limpadoras, fala de mulleres e do chan mollado no que camiñamos cada día.
As que limpan recibiu 7 premios dende que se estreou en febreiro de 2022:
2022
Premio do Público na Mostra de Teatro Galego de Cariño.
Premio a Mellor Espectáculo de Sala na Feria de Teatro de Castilla y León.
2023
Premio María Casares a Mellor Espectáculo.
Premio María Casares a Mellor Texto Orixinal.
Premio María Casares a Mellor Actriz Protagonista (Noelia Castro).
Premio María Casares a Mellor Dirección.
Premio do Público na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.
Sinopse:
Un cartel pendurado no manubrio da porta. “Por favor, arranxe o cuarto”. Ao regreso da praia, as camas feitas, as toallas limpas e o baño impoluto. Son as que limpan, as invisibles que carretan ao lombo un sistema turístico precarizador. Fronte a elas, a avaricia voraz dos propietarios das cadeas hoteleiras. Hai quen nunca limpou un váter e hai quen limpa cincocentos ao mes.
Equipo:
- Creación, texto e dirección: Areta Bolado, Noelia Castro, Ailén Kendelman
- Intérpretes: Areta Bolado, Noelia Castro, Ailén Kendelman
- Apoio dramatúrxico: Paula Carballeira
- Música orixinal: Ailén Kendelman
- Caracterización e vestiario: Esther Quintas
- Xastras: Beatriz Novas e Marta Ferrer
- Escenografía: Beatriz de Vega
- Axudantía de escenografía: Daniela Rodas
- Iluminación: Del Ruíz
- Asesoría lingüística: Rosa Moledo
- Asesoría de movemento: Clara Ferrão
- Ollo Máxico: Sara Rodríguez
- Produción: Ailén Kendelman
- Axudantía de produción e documentación: Celina F. Ponte
- Imaxe gráfica: Carla Berrocal
- Vídeo: Álex Penabade
- Tráiler: Lucía Estévez
- Fotografía: Leticia T. Blanco e Pilar Abades
Vídeo promocional: https://bit.ly/AQL_Vídeos_Promo
Duración: 90 minutos
A quen vai dirixido: público en xeral
Cando: xoves 19 de outubro ás 20:15 h
Onde: Auditorio do Centro Sociocultural Ágora. Lugar Agramela 17. 15010 A Coruña
Prezo: de balde. Todas as actividades de “Agra no Ágora” son de acceso libre e gratuíto; o programa está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra.
0 Comments