
As mulleres que o franquismo agochou en Conxo
- Posted by Administrador 2 AGRA
- On 13 Marzo, 2025
- 0 Comments
- Asociación Veciñal Agra, Concello da Coruña, Memoria democrática
Montse Fajardo falará no noso local sobre As mulleres que o franquismo agochou en Conxo, o vindeiro xoves, 27 de marzo ás 20 h. Esta charla forma parte do “Memorial Carlos Parrado. A nosa historia”.
Montse Fajardo Pérez (Vilagarcía, 1973) é licenciada en Ciencias Políticas e da Administración e ten un máster en Dereito das Administracións e Institucións Públicas, mais a súa traxectoria profesional vinculouse nomeadamente ao xornalismo, especializándose nos últimos anos en memoria histórica e feminismo. En 2018 foi a gañadora do premio de Xornalismo Lueiro Rey do Concello de Fornelo de Montes polo seu artigo “O universo de Carlos” protagonizado por un neno con autismo. En decembro de 2023 gañou o premio da SELIC co trabalo “Rotas, as mulleres que o franquismo agochou en Conxo”, e en marzo de 2024 gañou o premio Xohana Torres do Concello de Santiago de Compostela polo traballo “Caídas. Achegamento ao Patronato de Protección a la Mujer na Galiza”.
Non é doado romper o silencio sobre as mulleres que permaneceron no manicomio de Conxo durante o franquismo. Pode que sexan as galegas máis esquecidas entre tantas esquecidas pola historia. Moitas delas foron borradas ata do álbum familiar ou contadas polo pobo con relatos de loucura sen ter en conta o trauma que lles provocara o golpe de Estado e o tempo posterior coas súas irrupcións nocturnas, cos compañeiros asasinados, coas rapas e as violacións. Algunhas nin sequera tiñan doenzas mentais mais foron pechadas como castigo ao seu desexo de afastarse do modelo franquista, que só entendía para elas un destino: ser nais e esposas católicas.
O golpe de Estado provocou traumas, agravou doenzas e agochou en Conxo a moitas daquelas galegas que había que borrar das vilas por tornarse estorbo. Esta charla busca sacalas da cela do esquecemento e, a través das súas vivencias, verter cordura sobre o relato da nosa propia historia.
A entrada é de balde e libre ata encher a capacidade do local.
0 Comments