As fillas bravas de Momán na Agra

As fillas bravas de Momán na Agra

As fillas bravas de Momán na Agra

  • Posted by Administrador 2 AGRA
  • On 17 Xaneiro, 2023
  • 0 Comments
  • Agra no Ágora, As fillas bravas de Momán, Chévere, Igualdade, LilAgra, Memoria democrática, Música tradicional

Inauguramos o programa Agra no Ágora de 2023 cun novo festival de artes escénicas para o mes de febreiro. Todas as actividades de “Agra no Ágora” son de acceso libre e gratuíto; o programa está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra.

AS FILLAS BRAVAS son tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta como antes fixeron a súa nai e a nai da súa nai, porque todas son fillas do vento, mulleres de andar a pé do toxo, orgullosas de vir de tras da silveira.

AS FILLAS BRAVAS viven en Momán, unha aldea que representa todas as aldeas e na que todo é posible. Elas veñen para reafirmar modelos apoderados de muller, vencellados a expresións culturais tradicionais que agochan berros emancipatorios e cantos de rebeldía insospeitados, valorizando a participación das mulleres na construción dunha memoria e dunha identidade colectiva.

AS FILLAS BRAVAS é un recital teatralizado que actualiza a vixencia dos valores da cultura tradicional. É tamén un traballo de investigación sobre a sexualidade, as relacións de xénero e os roles da muller na sociedade tradicional que aparecen reflectidos nas coplas do cancioneiro popular galego, para o que se fixo un traballo de procura, escolma e adaptación de textos de transmisión oral publicados desde a segunda metade do século XIX. Querémonos achegar a algunhas zonas nas que intuímos que a muller gozou de autonomía, extraendo textos do cancioneiro que poidan alumear xestos de rebeldía e autoafirmación. Cuestionar esoutro estereotipo que caracteriza a sociedade galega rural como conservadora, atrasada, inmobilizada, submisa, que reduce ás mulleres ao ámbito privado da familia. Porque no rural galego as mulleres non se limitaban a desempeñar un rol reprodutivo, senón que participaban de todas as tarefas do traballo no campo. De aí que a súa presenza na esfera pública da aldea fose un feito asumido e normal. Nos textos do cancioneiro popular galego atópanse testemuñas destes roles produtivos asumidos polas mulleres, da existencia habitual de relacións sexuais fóra do matrimonio, da denuncia de abusos, acoso e violacións, de prácticas anticonceptivas e abortivas, de autoafirmación da muller fronte o home…

Chévere é unha compañía de axitación teatral con máis de 30 anos de traballo ao lombo, que soubo manter con naturalidade unha proposta de creación propia tan irreverente como xenuína e un sólido compromiso social, político e cultural. En 2014 Chévere recibiu o Premio Nacional de Teatro. Desde 1987 Chévere actuou en centos de vilas e cidades de toda Galicia, España, Portugal e outros países europeos, latinoamericanos e africanos. Fixo espectáculos de moi diferentes estilos e formatos e traballou en espazos pouco convencionais (rúa, barcos, aeroportos, circos, escaparates, ríos, peiraos, radios, bares, aulas). E mantivo aberta a Sala Nasa durante 20 anos, un espazo cultural independente en Santiago de Compostela. Usando o humor como filosofía, a risa como expresión e o pensamento crítico como ferramenta, as súas obras confrontan no escenario os debates do presente coa memoria dun pasado recente que nos afecta, documentándoo escenicamente cunha linguaxe contemporánea accesible a públicos diversos. Exemplos deste modus operandi son traballos como N.E.V.E.R.M.O.R.E. (2021), Curva España (2019), Eroski Paraíso (2016), Ultranoite no País dos Ananos (2014), Eurozone (2013), a triloxía Citizen (2010-2011) ou Testosterona (2009).

Ficha artística:

En escena: Patricia de Lorenzo, Mónica García, Arantza Villar

Idea e creación: Chévere

Dramaturxia e dirección: Xron

Escrita: Manuel Cortés

Comunicación: Xana García

Adestramento musical: Inés Portela

Caracterización, maquillaxe: Fany Bell

Produción executiva: Patricia de Lorenzo

Técnica en igualdade / Promove: Raquel Piñeiro

Unha produción Chévere, co apoio do Concello de Teo e Agadic.

Duración: 55 minutos

A quen vai dirixido: público en xeral, a partir de 12 anos.

Cando: mércores 08/02/2023 ás 20:15 h.

Onde: Auditorio do Centro Sociocultural Ágora. Lugar Agramela 17. 15010 A Coruña

Prezo: de balde

Organizadora: Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán “Agra”

Contacto: agra@galizacultura.gal

 

0 Comments

Leave Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *