As desterradas

As desterradas

As desterradas

  • Posted by Administrador 2 AGRA
  • On 11 Outubro, 2026
  • 0 Comments
  • Agra no Ágora, Asociación Veciñal Agra, Centro sociocultural Ágora, Concello da Coruña, Memoria democrática, teatro

A nova edición do festival “A fonética dos corpos” do programa Agra no Ágora tráenos ao barrio da Agra este espectáculo de Producións Teatrais Excéntricas: As desterradas, que se centra nos últimos días do mosteiro de monxas bieitas de San Salvador de Albeos, no actual concello de Crecente. Aborda o enfrontamento entre a Coroa de Castela e os mosteiros bieitos de Galiza nos séculos XV e XVI. Unha historia de resistencia protagonizada por unha pequena comunidade de monxas á beira do Miño que mantivo unha valente e desigual pelexa cos grandes poderes do seu tempo: a coroa e o papado.

Carme Varela recibiu o 25 Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais pola súa obra “As desterradas”, que creou como unha actividade para desenvolver no seo da asociación de patrimonio medieval O Sorriso de Daniel, que axudou a fundar en 2010 para divulgar, pór en valor, estudar e promover a conservación do patrimonio románico de Galiza. No mosteiro de San Salvador de Albeos, que levaba séculos comesto polas silvas e a ruína, limparon o sitio de maleza. O lugar escondía unha historia afogada polo tempo e pola voz dos vencedores. Carme Varela, co seu fino olfacto, cheirou que alí tiña acontecido un crime. Desenterrouno e deitou luz sobre o escuro asunto. Grazas a ela, coñecemos o móbil, o modus operandi, os executores, os cómplices e as vítimas. Unha historia de humillación, ocultación e desterro. “Un roubo tan grande como cando lle roubaron a túnica ao Noso Señor antes de crucificalo”.

A peza recrea eses días finais no mosteiro de Albeos, dos que non chegou documentación a nós porque, como o Padre Colombás deixou dito, os documentos comprensiblemente escasean porque ninguén ten interese en conservar papeis ou pergameos embarazosos.

Sinopse

Ao mosteiro de Albeos, situado entre as fortalezas de Melgaço en Portugal e a de Fornelos en Galiza, chega unha carta da raíña Xoana de Castela. A pequena comunidade de monxas vese sacudida por unha sentenza que, ao parecer, é xa inapelable e, escena a escena, vaise descubrindo a traxedia que estas monxas están a vivir.

Os señores da Igrexa, para rematar coa resistencia das freiras non dúbida en difamalas e ameazalas por todos os medios, desde o tribunal da inquisición á violencia das mesnadas señoriais. Carme Varela reconstrúe nun thriller conventual aqueles tempos de resistencia das comunidades de mulleres autosuficientes e poderosas. A vida parece continuar coas súas rutinas de rezos, bordados e melindres, mais a negra sombra da ameaza exterior abátese sobre o convento de Albeos.

A heroica resistencia daquelas freiras chega agora encarnada nun elenco luxoso (Belén Constenla, Melania Cruz, Rocío González, Rebeca Montero, Patricia Vázquez e Víctor Mosqueira) dirixidas por Quico Cadaval.

Ficha Artística e Técnica

  • Elenco.- Belén Constenla, Melania Cruz, Rocío González, Rebeca Montero, Patricia Vázquez e Víctor Mosqueira
  • Espazo Lumínico.- Javier Gey
  • Deseño de Vestiario.- Celia Sineiro
  • Dirección Musical.- Fernando Reyes
  • Obxectos Escénicos.- Marcelino de Santiago, Kukas
  • Efectos Sonoros.- Norths SDN
  • Costureira.- Emperatriz Macalupú
  • Deseño Gráfico.- Javier de la Rosa
  • Fotografía.- Sabela Eiriz
  • Vídeo Promocional.- Sonia García (Xouba Cromática)
  • Asistente de Dirección.- Mon Serodio
  • Produción.- Rubén G. Pedrero
  • Autoría.- Carme Varela
  • Dirección.- Quico Cadaval

Este festival, como todas as actividades do programa “Agra no Ágora”, é de acceso libre e gratuíto; o programa está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra.

A quen vai dirixido: > 13 anos

Cando: 24/10/2024 ás 19:30 h

Duración: 95 minutos

Enderezo: Auditorio do Centro Sociocultural Ágora. Lugar Agramela 17. 15010 A Coruña

Prezo: de balde

Organizadora: Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán “Agra”

Contacto: agra@galizacultura.gal

 

0 Comments

Leave Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *