A guerrilla antifranquista en Galicia: lectura en clave comunitaria
- Posted by Administrador 2 AGRA
- On 27 Xuño, 2022
- 0 Comments
- Ana Cabana Iglesia, antifascismo, Antifranquista, guerrilla, HISTAGRA, Memoria democrática
Palestra de Ana Cabana Iglesia en xoves 30 de xuño ás 19:30 h. na aula 9 do Centro Ágora.
A guerrilla antifranquista é un fenómeno que pode ser analizado dende múltiples perspectivas. Nesta charla proponse unha moi concreta que ten que ver coa conexión entre a guerrilla e a sociedade. Non poñeremos o foco de atención, xa que logo, na explicación da configuración política e militar da guerrilla en Galicia, nin no retrato dos seus membros máis destacados, quizais aspectos máis coñecidos, senón na vertente social do fenómeno guerrilleiro. Trataremos de achegarnos ás pegadas que a súa presenza e as súas accións tiveron nas comunidades onde operaban e tamén ás redes de apoio que teceron os que “subiron ao monte”. A guerrilla armada non pode explicarse sen a denominada “guerrilla do chao”, que é fundamental tanto para entender o mantemento da loita armada contra o franquismo en Galicia como para comprender a propia desactivación dela.
“Desde que acabou a ditadura hai que remar constantemente contra unha memoria social absolutamente acosada polas mensaxes franquistas que envilecían os guerrilleiros comparándoos con delincuentes comúns. A linguaxe da ditadura triunfou en moitos ámbitos e, igual que aínda escoitamos falar da ‘cruzada’ ou dos ‘roxos’, tamén temos unha memoria histórica moi pervertida por esa linguaxe”.
Ana Cabana Iglesia é doutora en Historia e profesora titular do Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela. Estudosa da historia rural, forma parte do grupo de investigación HISTAGRA (Historia Agraria e Política do Mundo Rural, séculos XIX e XX). A súa actividade investigadora céntrase no estudo das actitudes sociais e opinión durante a dictadura franquista. O estudo da propiedade comunal é unha das liñas prioritarias da súa investigación. Nos últimos anos o seu traballo ampliou o marco temporal incluíndo o período da transición á democracia e os primeiros anos desta para analizar a conflictividade rural acontecida nas súas dimensións social e cultural e, asemade, incluíu a historia das mulleres e a perspectiva de xénero.
Esta conferencia, parte do noso programa “Agra no Ágora”, é de entrada gratuíta e libre (non é preciso inscribirse nin retirar convites, aberta á veciñanza e público en xeral).
0 Comments