A fonética dos corpos 2021
- Posted by Administrador 2 AGRA
- On 7 Outubro, 2021
- 0 Comments
- Asociación Veciñal Agra, Centro sociocultural Ágora, clown, comedia, Culturactiva, falar, improvisación, Isa Risco, pallasa, pallaso, teatro, teatro amador, teatro interxeracional
O festival A fonética dos corpos de 2021, do programa “Agra no Ágora” en que colaboramos co Concello da Coruña, ofrécenos dous espectáculos teatrais, un amador e outro profesional.
Por unha banda, tres participantes do grupo de teatro interxeracional da asociación veciñal Agra, Flor del Pópolo, Javi Tink e Pepe Rodríguez, representan Roteiro: na vida imos polo noso camiño, e tarde ou cedo eliximos que sendeiro seguir até acabar creando o noso propio roteiro, reflexionando sobre as diferenzas e similitudes entre unha xeración e outra, dous netos e o seu avó rin, lembran e debaten nas horas previas do novo percorrido do maior dos irmáns.
E a continuación, Falar sen cancelas
Hai xente que fala por falar. Outros falan polos cóbados. Algúns falan os sete falares. E non son poucos os que falan do xato e se esquecen do trato. Porque prefiren falar dos biosbardos, das nubes ou do sexo dos anxos antes que ir ao conto. Laretar, latricar, esbardallar -mesturando o allo co bugallo e sen querer quitarlle lobos ao asunto- é unha arte que, se se manexa ben, dá xenio escoitar. En definitiva, que o falar non ten cancelas, sobre todo nun lugar en que cada palabra conta, ás veces por dúas, no que o dobre significado abrolla en cada xiro da lingua e a retranca fai rimar humor con historia cada vez que alguén abre a boca. Somos un pobo de contos, de lendas, de relatos. Sabemos falar. E cando falamos, falamos ben. Porque temos, igual que acontece coa choiva, mil e unha maneiras de describir as nosas formas de conversar. Culturactiva S. Coop. Galega produce, deste xeito, Falar sen cancelas, un espectáculo con tres referentes da comedia galega, que o público coñece ben e a profesión respecta: Pedro Brandariz, Fran Rei e Isabel Risco, que logo de 15 anos xuntos sobre os escenarios, continúan con esta peza na que intercalarán sketches, gags, xogos de improvisación e diálogos que farán de cada representación unha aventura diferente e única. Unha gran radiografía da galeguidade, coa palabra como gran protagonista, mais tamén o clown e a improvisación.
https://www.culturactiva.org/gl/espectaculo/falar-sen-cancelas
A quen vai dirixido:
Público adulto
Cando:
14/10/2021
Horario:
20.00 h
* Ás 19:30 h. abrirá a porta. Pídese presentarse no auditorio con antelación suficiente para que o persoal encargado asigne os asentos.
Duración:
Roteiro: 30 minutos
Falar sen cancelas: 75 minutos
Enderezo:
Auditorio do Centro Sociocultural Ágora. Lugar Agramela 17. 15010 A Coruña
Número de prazas:
250 (esta cifra pode variar en función das limitacións preventivas contra a pandemia COVID).
Os asentos adxudicaranse por orde de chegada. As portas abren ás 19:30 h.
Prezo:
de balde
Requisitos:
Será de OBRIGADO cumprimento:
• O uso de máscara (excepto aquelas persoas exentas pola lexislación vixente).
• Lavar as mans con xel hidroalcohólico á entrada e á saída do edificio.
• O uso da butaca asignada polo persoal da sala. Non está permitido o desprazamento, salvo que o persoal da sala o autorice.
• Manter a distancia de seguridade, sobre todo á entrada e á saída para evitar aglomeracións.
• Respectar a sinalización.
• Seguir en todo momento as indicacións do persoal da sala.
RECOMÉNDASE:
• Limitar o máximo posible o uso dos aseos.
• Actuar con responsabilidade.
• Organizadora:
Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán “Agra”
Contacto:
agra@galizacultura.gal
0 Comments