A ditadura é un señor con bigote
- Posted by Administrador 2 AGRA
- On 21 Febreiro, 2026
- 0 Comments
- Asociación Veciñal Agra, Deputación da Coruña, Memoria democrática, Memorial Carlos Parrado
Dentro da programación do noso Memorial Carlos Parrado: a nosa historia, incluímos esta charla de Montse Fajardo, subvencionada polo Premio Luísa Villalta 2025 da Deputación da Coruña.
A ditadura coartou a liberdade das mulleres; a nivel social e tamén sobre o seu corpo… Todas as mulleres viron a súa vida e ata a súa sexualidade limitada polo contexto político.
A investigación de Fajardo analiza as causas xudiciais contra mulleres durante a ditadura e a misoxinia estrutural do franquismo.
O ciclo de conferencias por centros educativos e tecido asociativo fomenta o pensamento crítico entre a xuventude.
A entrada é de balde e libre ata encher a capacidade do local.
A ditadura é un señor con bigote é un proxecto de memoria histórica con perspectiva feminista auspiciado pola Deputación da Coruña dentro dos premios Luisa Villalta na súa edición de 2025, que busca concienciar a poboación, e nomeadamente a xente nova, da influencia que ten o avance da ultradereita no rearme do machismo.
O proxecto inclúe a realización de charlas centradas en analizar como a ditadura lexislou para limitar a liberdade feminina para obrar, convertendo as mulleres en minores de idade permanentes. Deixaron de ser cidadás para ficar tuteladas por varóns -ora o pai, ora o home-, e as limitacións chegaron incluso ao ámbito do íntimo, intervindo sobre a súa sexualidade e o seu corpo e ata sobre a escolla de a quen amar. Ademais, a lexislación aprobada polo franquismo complicou o acceso feminino ás aulas e tamén ao mundo laboral.
Así, coa charla A ditadura é un señor con bigote preténdese abordar os cambios lexislativos e sociais que realizou a ditadura para converter a sociedade e moitos fogares en cárceres femininos. Faino de xeito rigoroso pero sinxelo co obxectivo de ofrecer unha visión clara do que a ditadura lles fixo ás galegas, pero desta volta non só a aquelas que se implicaron política ou sindicalmente ou pertencían a familias republicanas, se non a todas elas, a través das limitacións impostas á súa sexualidade e ás súas aspiracións formativas, laborais e vitais.

0 Comments