
A Bretaña que hai en Nós
- Posted by Administrador 2 AGRA
- On 2 Xaneiro, 2024
- 0 Comments
- Agra no Ágora, Asociación Vagalumes, Asociación Veciñal Agra, Castelao, Felipe Senén, Seminario de Estudos Galegos, Xoán Carlos Garrido
Celebramos o centenario do Seminario de Estudos Galegos con tres actividades: exposición A Bretaña que hai en Nós, visita guiada por Xoán Carlos Garrido e conferencia de Felipe Senén para afondarmos na relación xa analizada por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao entre a Galiza e a Bretaña a través dos cruceiros.
A exposición naceu como unha iniciativa da Asociación Cultural Vagalumes, diante da situación de emerxencia que sofre o noso patrimonio, emprendendo unha campaña de difusión e valoración dos nosos bens. Partillando esta preocupación e co gallo do centenario do Seminario de Estudos Galegos, a Asociación veciñal Agra e o Concello da Coruña colaboran para traer ao Centro Ágora esta ollada á obra de Daniel Castelao As cruces de pedra na Bretaña. Na exposición pódense observar imaxes da viaxe que Castelao fixo á Bretaña xunto coa súa muller, Virxinia Pereira, após a morte do seu fillo, unha viaxe que, segundo Castelao, lles serviu para tentar esquecer tanta dor que sentían.
En 1929 Daniel Castelao e Virxinia Pereira viaxan a Bretaña e durante catro meses percorren a vella Armórica. Alí, Castelao establece contacto con intelectuais bretóns de diversas áreas e variado signo político, interesándose por todos os aspectos da cultura e das xentes do país celta, que sinte como irmán. Desta viaxe nace As cruces de pedra na Bretaña publicada en 1930 polo Seminario de Estudos Galegos, estudo histórico e descritivo dos cruceiros na Bretaña e como documentación previa para outro traballo similar que estaba preparando sobre os cruceiros galegos, As cruces de pedra na Galiza.
“As cruces de Irlanda, os Calvarios de Bretaña e os cruceiros de Galiza, son árbores de pedra. Pódese dicir que as cruces dos Fisterres naceron do imperativo do seu chan. Os cruceiros teñen as raíces moi debaixo da tona da terra podre que cría cousas bonitas que duran pouco”, finalizaba Castelao a súa análise en As cruces de pedra na Bretaña.
Xoán Carlos Garrido Couceiro, profesor, historiador e membro da Asociación Cultural Vagalumes, guiará unha visita á exposición en 10 de outubro ás 19:30 h.
Felipe Senén López, museólogo e arqueólogo, ofrecerá unha conferencia sobre “As cruces das nacións celtas” o día 2 de novembro ás 19 h. na aula 9.
Ligazón co discurso As cruces de pedra na Galiza lido no acto da súa recepción na Real Academia Galega polo ilustrísimo señor don Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e resposta do excelentísimo señor don Antonio Villar Ponte, en 25 de xullo de 1934 na sede da Real Academia Galega do Pazo Municipal da Coruña: https://publicacions.academia.gal/index.php/rag/catalog/view/38/34/36
Ligazón co vídeo “As cruces de pedra”: https://youtu.be/9r_gb0XjH0A?si=H1XUTsC5DmYWyGCd
A quen vai dirixido:
Para público en xeral
Cando e onde:
Exposición de 09/10/2023 a 14/11/2023 no adro do Centro Ágora
Visita guiada: martes 10/10/2023 ás 19:30 h.
Palestra: xoves 02/11/2023 ás 19 h. na aula 9 do Centro Ágora
Enderezo: Centro Sociocultural Ágora. Lugar Agramela 17. 15010 A Coruña
Prezo: de balde
0 Comments