A luz resucitada. Un achegamento imaxinario ao poeta Manuel María

A luz resucitada. Un achegamento imaxinario ao poeta Manuel María

A luz resucitada. Un achegamento imaxinario ao poeta Manuel María

  • Posted by Administrador 2 AGRA
  • On 30 Setembro, 2026
  • 0 Comments
  • Agra no Ágora, Área de Cultura da Deputación da Coruña, Asociación Veciñal Agra, Concello da Coruña

Exposición fotográfica e proxección do audiovisual baseados no libro homónimo, obra do fotógrafo Manuel Lemos

Manuel María (Outeiro de Rei, 06/10/1929- A Coruña, 08/09/2004) é unha figura esencial da cultura galega e unha das voces que, ao longo do século XX, contribuíron de maneira decisiva á defensa, dignificación e normalización da nosa lingua. A súa traxectoria literaria e o seu compromiso cívico forman parte xa do patrimonio colectivo de Galiza. A través da súa obra, soubo converter a palabra nunha ferramenta de conciencia, de memoria e de esperanza, sempre ligada á terra, á xente e á realidade do noso país. O seu legado permanece entre nós como unha herdanza que nos interpela.

En 1984 Manuel Maria editou coa Associaçom Galega da Língua (AGAL) A luz ressuscitada, un poemario de versos delicados e transparantes, escritos con acento melancólico, onde Manuel María nos ilumina coa luz que máis amou: o amor a Saleta, as paisaxes nativas, os misterios da mañá, as cores e os recendos máis intensos da súa tribo, as cousas pequenas do seu universo íntimo, a música do río que cruzou a súa infancia, o regato do Cepelo… É un libro de regresos. E é sobre todo unha viaxe cara a dentro, intimista, que busca de novo o resplandor da luz e resucita as vivencias máis luminosas da súa vida. Poesía de fondura humana e de beleza extrema.

Manuel Lemos (Vigo, 1958) comezou a súa actividade como fotógrafo afeccionado sendo moi novo e, desde entón, evolucionou cara á fotografía de autor, o retrato de paisaxes e o tratamento da natureza. Desde os seus comezos pertence ao colectivo ‘Portfolio Natural’, no que priman sobre todo os valores sociais e ecolóxicos difundidos a través da fotografía de autor e a consciencia da necesidade de preservar os espazos naturais de toda Galiza. O fotógrafo ten participado en varios proxectos como director e produtor de videoclips como Ciclorama Paisaxe e Natureza, da Orquestra da Cámara Galega; Astrea, do grupo de folk Berrogüetto; Holdon, da banda británica Immaculate Fools, ou Renaissance, do compositor de jazz Nani García Trío. En colaboración coa Fundación Manuel María de Estudos Galegos e a Deputación da Coruña, creou A luz resucitada. Un achegamento imaxinario ao poeta Manuel María un proxecto que conxunta libro, exposición e audiovisual.

Pilar Pallarés, unha das grandes voces da poesía galega e, tamén, analista e crítica da nosa literatura, escribe no limiar do libro: “Non nos achamos diante dunha natureza enxergada dunha maneira abstracta, senón viva, pormenorizada, aprehendida nos seus seres máis miúdos, pertenzan estes á flora, á fauna ou aos lugares amados (…) «A aventura dun poeta inspirado polo amor comeza polo asombro ante a natureza.» Mui certeiramente escolle o fotógrafo Manuel Lemos estas palabras de Francis Jammes, autor de cabeceira de Manuel María, como pórtico ou soleira da viaxe pola súa poesía. (…) Manuel Lemos ao realizar a escolla dos versos e as fotografías que os acompañan, mais coa beleza das imaxes, co título do libro/ exposición e coa propia estrutura está a optar polo vitalismo, pola esperanza, pola confianza nun eterno renacer que tamén nos salve a nós. As catro seccións, do «Nacemento», ao «Tránsito», a «Morte» e a «Resurrección» obedecen aos ciclos da vida, a que sempre volta, a que agroma mesmo desde a podredume. A terra inteira é unha «canción de mencer» en que as aguas do mar, dos ríos e lagoas e ada choiva, a folla que agroma, a rosa e a brisa latexan ao unísono.”

Alberte Ansede expresa no prólogo do libro: “Manuel Lemos ofrécenos unha viaxe man con man co poeta, na cal se vai producindo un diálogo entre a palabra poética dun e a lírica da imaxe do outro, para construír un poema inédito que nos convida a percorrermos novos camiños, e facérmolo con eles os dous, para visitarmos as paisaxes por nós máis amadas. Da súa man podemos percorrer os camiños da lembranza, pois «vivir é retorno cotidiano a outras vidas». Mais non esquezamos nunca que os camiños non se sabe se traen ou levan, se veñen ou van, e, por iso, podemos facelos cara á lembranza ou podemos percorrelos cara ao futuro.

En calquera dos sentidos, ou nos dous, esta obra é un convite a facérmolos sabéndonos parte da Terra-Natureza”.

En 2025 a área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña encargou a elaboración dunha exposición fotográfica itinerante, que a Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán solicitou en préstamo para conmemorar o seu presidente de honra, Manuel María, no mes do seu nacemento.

O audiovisual acompaña á exposición, de aí a súa calidade estética e coidada narración. Manuel Lemos introduciu varias pezas musicais de Rogelio Groba; na parte sonora narrativa incorporou fragmentos do prólogo da poeta Pilar Pallarés nos que interpela Manuel María, a xeito de diálogo das voces de Eva Veiga e Santiago Fernández. Esta peza audiovisual,  publicada na canle YouTube da Deputación da Coruña, proxectarase o luns 5 de outubro ás 19 h na aula 9 no acto de inauguración da exposición, en que intervirán Manuel Lemos, Alberte Ansede e Pilar Pallarés.

Esta exposición, presentación do libro e proxección do audiovisual son de acceso libre e gratuíto, como todas as actividades do programa “Agra no Ágora” financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra.

A quen vai dirixido: para público en xeral

Inauguración: o luns 5 de outubro ás 19 h na aula 9

Exposición: do 5 ao 17 de outubro no vestíbulo do Centro Sociocultural Ágora. Lugar Agramela 17. 15010 A Coruña

Prezo: de balde

Organizadora: Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán “Agra”

Contacto: agra@galizacultura.gal

 

0 Comments

Leave Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *