100 Voltas de Verónica Codesal en cuarteto

100 Voltas de Verónica Codesal en cuarteto

100 Voltas de Verónica Codesal en cuarteto

  • Posted by Administrador 2 AGRA
  • On 15 Xullo, 2023
  • 0 Comments
  • Agra no Ágora, Asociación Veciñal Agra, Centro sociocultural Ágora

concerto que terá lugar este mércores 26/07/2023 ás 20:30 h. no auditorio do Centro Ágora (A Coruña): 100 Voltas de Verónica Codesal en cuarteto

100 Voltas é un proxecto cargado de cultura e tradición galega, concibido como un elemento vivo en constante evolución. Un repertorio que conserva a esencia do pasado incorporando elementos contemporáneos e diversos instrumentos: violín, instrumentos electrónicos, acordeón diatónico…

Verónica Codesal é a única galega que gañou o 2º premio de Eurovisión representando a Bélxica no festival e ademais gravou nove discos como integrante dos grupos Ialma e Urban Trad.

Embaixadora galega polo mundo, representando Galiza e Bélxica, canta sempre un tema na lingua do país que a convida. Madriña de Nunca Máis con Manu Chao por Europa.

O disco 100 Voltas recolle o seu compromiso como muller e feminista. Pediu colaboracións a poetas contemporáneas galegas que escribiron para ela alghunas das cancións. Deste xeito, amais dos textos tradicionais propios, tamén os hai de Lucía Aldao, Yolanda Castaño, Rosalía Fernández Rial e Brais Fernandes, a través dos que contan as súas historias de mulleres, esposas, parellas, nais, fillas, amigas, traballadoras, artistas, activistas…

Mercedes Peón colaborou na produción e arranxos, percusión e voz adicional nalgúns dos temas do disco 100 Voltas.

Os músicos internacionais traballaron os arranxos e composicións e tamén reinterpretaron con arranxos as pezas tradicionais galegas no disco 100 Voltas:

Didier Laloy é un dos mellores acordeonistas diatónico do mundo, e solista en orquestras sinfónicas de Alemaña, Italia, Cuba e Bélxica.

Damian Chierici vén do mundo clásico e do rock; xira con moitos grupos belgas por Europa.

Boris Tchango arrequece o proxecto 100 VOLTAS coas súas influencias, ritmos e forza.

100 VOLTAS está de xira con axuda da Fédération Wallonie-Bruxelles, Xunta de Galicia, Embaixada de España no Reino de Bélxica, cidade de Loon-Plage, Festival Het Lindeboom, Foyer Culturel de Sprimont e Centre Culturel Régional de Dinant.

Incorporouse á programación Agra no Ágora, de colaboración entre a Asociación Veciñal Agra e o Concello da Coruña, que oferta a entrada libre e gratuíta.

Elenco:           Verónica CODESAL………………… Voz e percusión

                         Didier LALOY (Bélxica)…………….. Acordeón diatónico, stompbox

                         Damien CHIERICI (Bélxica)………. Violín, instrumentos electrónicos

                         Boris TCHANGO (Togo) ………….. Percusións, batería

Duración: 75 minutos

A quen vai dirixido: público en xeral

Cando: mércores 26/07/2023 ás 20:30 h.

Onde: Auditorio do Centro Sociocultural Ágora. Lugar Agramela 17. 15010 A Coruña

Prezo: de balde. Non fai falla reserva ningunha; as butacas ocúpanse por orde de chegada, ata completar a capacidade.

 

0 Comments

Leave Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *